Spanish English

Blog viajero

Tour por La Habana «galega»

Habana galega

Galicia está estrechamente ligada a la historia de Cuba. Durante el siglo XIX y la primera mitad del XX, muchos gallegos que emigraron a La Habana en busca de un futuro mejor dejaron una pegada incuestionable en la capital de Cuba, que te cuenta la profesora Arantxa Fernández Crespo en este artículo homenaje en gallego.

Cátedra Galega | Universidad de La Habana

* Incluido en gallego y castellano en el libro «Cuba en el corazón» de Javier Ramón.

Porque na Habana, todos os españois son un pouco galegos…


Á PROCURA DA PEGADA GALEGA NA HABANA

Se a Habana é a capital de todos os cubanos, como nos saúdan os carteis en chegando á cidade, sen dúbida, o barrio da Habana Vieja é a súa cerna, a súa alma e a súa definición. Os galegos que até aquí chegaron axiña o entenderon, e por iso foron deixando a súa forte impresión en cada intersección deste enxebre barrio…Poñede o sombreiro de palla, o traxe branco, o vestido de gasa e así, como aqueles indianos que viron os nosos avós, seguídeme neste paseo a pé pola Habana galega.

Pra’Habana me vou…

Con este título, un grupo de alumnas da Facultade de Turismo pertencentes á Cátedra de Cultura Galega da Universidade da Habana están a elaborar un roteiro a pé pola Habana Vieja, por este espazo máxico mais e á mesma vez pretérito, á procura das pegadas dos miles de galegos que noutro tempo camiñaron, viviron e traballaron nestas rúas, atrás dun soño de prosperidade e, sen consciencia sequera, axudando a forxar canda outros pobos a nacionalidade, a idiosincrasia, a identidade cubana: ese ajiaco que os define. Comecemos.

Plaza de San Francisco

Nesta emblemática praza comeza o noso paseo, á beira da profunda Baía da Habana, perante as instalacións da Aduana, onde desembarcaban decote centos de persoas e mercadorías procedentes de alén mar, tras percorrer desde Amberes as costas atlánticas do norte e tocar a Coruña (ou Vigo despois), como último punto continental, antes de emprender a rota cara ao novo mundo. O faro do morro da Habana –irmán da petrucia torre herculina- dános hoxe, como noutrora, a súa benvida. Parados aquí, albiscamos  da outra beira os restos de Peixiño, o famoso barrio de mariñeiros galegos, case todos da bisbarra de Ares e Ferrol: aínda parecen verse os ronseis dos Viveros que veñen da marea cheirando a frescura.

Caballero de París

Neste mesmo punto, se xiramos devagar sobre nós mesmos, perante o noso ollar espelido irán aparecendo pegadas galegas de diferentes épocas: o dedo indicador do Cabaleiro de París, que lonxe de ser galo nacera en Monforte de Lemos; o rostro amable de Rosalía desde a placa daquela fachada; o cartel intacto de “Casteleiro e Vizoso” sobre ese impoñente edificio… e iso de aló, non é un cruceiro de granito galego?

Cruceiro en La Habana

Calle Obispo

Entrando desde Mercaderes ou Oficios, chegamos á verdadeira arteria da Habana Vieja, a rúa máis vital e comercial, o corazón da cidade; ao longo das súas once cuadras, desde Avenida del Puerto a Zulueta podemos revivir cada época da historia desta nación. E alí estamos os galegos enchendo a multitude da rúa: o vello bodegueiro inmortalizado no teatro bufo crioulo, o alegre repartidor de farmacia, o amable dependente do ultramarinos, o coidadoso reloxeiro. Fagamos a primeira parada na esquina de Aguiar, no elegante “Café Europa”, propiedade dos irmáns Cacheiro Penide, que rexentaban, ademais outros negocios na mesma rúa, como as oficinas da billetaría “El gato negro” ou a pequena libraría “El gato de papel”. E aínda haberá moito que falar de Celestino e Adolfo Cacheiro.

Seguindo rúa arriba, cruzamos a esquina de Compostela, nome que recibiu por ter casa aló o influente Obispo Diego Evelino de Compostela, que adoptou ese nome na honra da súa cidade natal. Así, camiñando, damos na maior libraría e editorial de Cuba: “La moderna poesía”, formidable edificio de estilo art deco que nos fai intuír aínda o imperio do seu dono: procedente da aldea de Maside, en Ourense, José López Rodríguez, máis coñecido como Pote, quen chegou a Cuba aos 18 anos, soíño, pobre e analfabeto. Seica comezou por vender libros vellos nunha carretilla; moitas son as anécdotas que se contan aínda do famoso Pote; a el e a súa familia debémoslle “El Puente de hierro” sobre o Almendares, o reloxo de Quinta Avenida ou o emblemático edificio “López Serrano”, primeiro rañaceos de Cuba e xoia da arquitectura cubana.

Parada obrigatoria

Antes de entrar na terceira etapa do paseo, se cadra a máis prestixiosa para a nosa colonia cómpre un pequeno desvío pola estreita rúa Monserrate, até a esquina de Dragones. Desde esta praciña das Ursulinas, en panorámica de 360 graos, apreixamos os datos máis salientables da historia societaria dos galegos da Habana. Desde finais do XIX até ben avanzado o XX nesta esquina de Bernaza radicou o café “La puerta del Sol”, lugar de concorridas tertulias da intelectualidade galeguista de sucesivas xeracións: imaxinamos a Curros Enríquez e o mestre Chané a discutiren sobre o novo himno galego, ao versátil Nan de Allariz, ideando zarzuelas galegas co seu habano “flor de Lis”, ao indeciso Ramón Cabanillas a ser convencido por Fontenla Leal de escribir en galego e converterse no poeta da raza. Todos deberon pasar polas tertulias do populoso café habaneiro.

De fronte, pola rúa Egido, érguese o antigo Pazo do Marqués de Villalba onde se asenta desde 1945 a Sociedade Artística Rosalía de Castro, hoxe centro recreativo, de restauración e sede da Federación de Sociedades Galegas de Cuba. E xa vai sendo hora doutra paradiña para refrescar cun especial Cóctel Rosalía!

Rosalía de Castro

De volta ao paseo

Acera gallega

Desde a rúa Dragones, superado o Teatro Martí, onde tanto se aplaudiron as obras bufas do negriño, a mulata e o galego, saímos directamente en Prado á chamada “Acera gallega”, bautizada así durante a visita do presidente da Xunta de Galicia, Manuel Fraga, aló por 1991. Nesta esquina radicou a primeira sede do Centro Galego, fundado en decembro de 1879 e posteriormente o “Plantel Concepción Arenal” onde se impartían clases diúrnas e nocturnas aos socios galegos. Na actualidade funciona como escola de primaria, aínda que conserva moitas pegadas galegas no seu interior. Se temos sorte aínda podemos botar unha ollada polas súas instalacións.

Continuamos por Prado, por fronte ao Capitolio, na outra esquina da cuadra topamos co impoñente edificio do xornal “El diario de la Marina”, fundado en 1844 por Isidro Araújo de Lira e mais outros gallegos, onde Curros escribiu por máis de 12 anos e mesmo foi velado en multitudinario saúdo da colectividade galega co gallo do seu pasamento. Damos costas ao Teatro Payret, aí o está, o final do noso paseo galego.

Rosalía de Castro

Palacio del Centro Gallego de la Habana

O fermoso edificio de arquitectura familiar, que imita á Catedral de Santiago de Compostela, constitúe o Palacio do Centro Galego da Habana. Dada a inxente demanda de socios e actividades o vello local ficou axiña inadecuado. A executiva do Centro adquiriu en 1906 o Teatro Tacón -tamén chamado Teatro Nacional- e mais os terreos lindeiros; dez anos despois fica inaugurada esta grandiosa edificación, hoxe símbolo orgulloso da cidade. Entremos a visitalo, como galegos, cos ollos marabillados daqueles que, vindos de todas as nosas aldeas, arribaron a esta terra e miraron que estaban na casa.

Rosalía de Castro

Coda

Aquí remata este roteiro a pé pola Habana galega; vimos de compartir as esperanzas de moitos, os proxectos visionarios algúns, os éxitos colosais dos menos. Queredes máis?, pois subamos á guagua e sigamos coñecendo o itinerario grande pola Habana dos galegos: Peixiño, Triscornia, Hospital La Benéfica, Hijas de Galicia, Praza de Galicia do Cerro, Balneario de Hijas de Galicia…Pero iso é xa outro roteiro diferente.

Espero que gustarades deste paseo tan especial pola Habana galega, oxalá axiña sexa unha realidade e poidamos realizalo en persoa. Polo de agora, o mellor é brindarmos cun mojito.


Arantxa Fernández Crespo. Profesora y coordinadora de la Cátedra Galega “Xosé Neira Vilas” de la Universidad de La Habana

Facebook
Twitter
LinkedIn
Email
WhatsApp
Artículo añadido al carrito.
0 artículos - 0,00